24 de abril remata o prazo de inscrición

Anímaste a formar parte desta experiencia?

Ata o venres 24 de abril estará aberta a posibilidade de inscribirse no programa Xanela Aberta deste ano que xa inicia camiño este mesmo sábado 25 de abril en Compostela cunha xornada completa onde compartir e xerar coñecemento de xeito colectivo contando coa colaboración de colectivos e persoas que aportarán o seu saber e experiencia concreta en torno á educación e o territorio na Galiza.

O punto de partida desta nova edición do Xanela Aberta xirará en torno aos xeitos en que a creamos comunidade nos lugares que vivimos, reflexionando sobre as posibilidades educativas que nos ofrecen. Un programa educativo para ese outro mundo posíbel que este ano pretende ser espazo de encontro para a reflexión e aprendizaxe en torno á Educación e o Territorio, onde coñecer experiencias locais e globais ao redor da Pedagoxía da terra.

Para isto, desenvolverase un proceso participativo onde as persoas participantes compartirán espazos de discusión con organizacións e movementos sociais da Galiza, para a construción de coñecemento en torno aos seguintes eixos temáticos:

1. Organización social e territorio
2. Problemáticas territoriais na Galiza
3. Organización social e defensa do territorio
4. Pedagoxía e activismo social pola defensa do territorio

– Coñeceremos a experiencia socioeducativa do Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso (Lodoselo, Ourense) e do CPI de Virxe da Cela (Monfero, Coruña).

– Contaremos coa participación de persoas vinculadas a movementos e organizacións internacionais que aportarán coñecemento en torno á Pedagoxía da Terra noutros territorios e comunidades.

Finalmente, as persoas participantes en todas as xornadas terán a posibilidade de viaxar ao Brasil co Movimento Sem Terra para coñecer directamente a loita polo dereito á terra, onde a defensa e o coidado da mesma articúlanse no labor educativo que desenvolven a nivel institucional e comunitario.

Anúncios